Cookies na web dos SAI. Utilizamos cookies para ofrecer a mellor experiencia na nosa web. Por favor, acepte o uso de cookies premendo o botón.

Aceptar uso de cookies
Header

Servizos de Apoio á Investigación

Servizos especializados no apoio á investigación científica, técnica e humanística

Regulamento

Exposición

Exposición de motivos

Regulamento dos Servizos de Apoio á Investigación (SAI) da Universidade da Coruña

(aprobado polo Consello de Goberno con data 4 de novembro de 2005)


Os Servizos de Apoio á Investigación da Universidade da Coruña son unha estrutura organizativa que integra infraestruturas instrumentais destinadas a dar soporte a grupos de investigación da institución, así como doutras institucións públicas e privadas e á sociedade en xeral. Desde a súa creación en 1993, amparándose no artigo 172 dos daquela vixentes Estatutos da Universidade da Coruña, o seu obxectivo foi a optimización dos recursos científicos da institución, potenciar a capacidade investigadora da universidade e conseguir o seu máximo rendemento ao facer accesibles a outros investigadores externos e cubrir, así mesmo, a crecente demanda doutros organismos e doutras entidades públicas e privadas.

Debido á expansión e ao desenvolvemento que experimentaron os servizos durante os últimos anos e o interese na súa potenciación, faise necesario adecuar a súa estrutura organizativa á nova realidade e manter as súas finalidades. Para poder asumir estes obxectivos, a universidade velará para que os Servizos de Apoio á Investigación dispoñan dun instrumental idóneo e dun persoal cualificado, e será o seu funcionamento regulado por este regulamento e por todos os preceptos que emanaren da lexislación vixente e dos acordos do Consello de Goberno da Universidade da Coruña que lle foren aplicables.

Título I: natureza, obxectivos e finalidades

Artigo 1:

As finalidades dos SAI son:

  1. Dar soporte á investigación dos diferentes departamentos, dos grupos, dos centros e dos institutos de investigación da Universidade da Coruña, así como tamén a outros centros públicos e privados, quer de forma individual, quer no marco de convenios, de concertos ou de acordos que establecer a universidade.
  2. Desenvolver os métodos e as técnicas de apoio á investigación para mellorar e ampliar as prestacións de acordo coas directrices da política científica da Universidade da Coruña.
  3. Asesorar á comunidade universitaria en todo o que faga referencia ao seu ámbito de actuación, así como difundir os seus servizos.
  4. Proporcionar formación técnica especializada nos ámbitos de competencia dos servizos.
  5. Contribuír como elemento activo nas relacións universidade-empresa e en xeral, universidade-sociedade, no campo de prestación de servizos e de desenvolvemento de metodoloxía, directamente ou en colaboración con outros centros, con outros institutos, con outros departamentos ou investigadores/as da universidade.
  6. Participar en redes nacionais e internacionais de centros de soporte á investigación.

Título II: estrutura e xestión

Artigo 2:

Os SAI están constituídos por unha serie de laboratorios dotados dun equipamento de alto nivel tecnolóxico e de persoal especializado e dunha secretaría técnica, e están adscritos á Vicerreitoría de Investigación e Transferencia da UDC.

Os SAI están estruturados en unidades, que son as células básicas de funcionamento dos servizos e correspóndense, en xeral, cun conxunto de técnicas máis ou menos próximas. Cada unha das unidades terá como responsable un técnico superior. No caso de que nunha mesma unidade houbese máis dun técnico superior, o/a vicerreitor/a de Investigación e Transferencia nomeará un deles responsable desta, por proposta da dirección dos SAI.

As unidades que compoñen actualmente os servizos, e sen prexuízo de futuras ampliacións ou modificacións, son as que figuran no anexo I deste regulamento. As unidades poderán ser creadas, modificadas ou suprimidas por resolución reitoral, tras o informe favorable da dirección dos SAI, da Comisión de Usuarios e co visto e prace do/a vicerreitor/a de Investigación e Transferencia.

Así mesmo, o/a vicerreitor/a de Investigación e Transferencia poderá designar os/as asesores/as científicos/as que considerar necesario para axudar o desenvolvemento científico dos SAI.

Por outro lado, os SAI contarán cunha secretaría técnica cuxa finalidade é a de apoiar os servizos en aspectos de xestión, económicos e administrativos.

Para todos aqueles aspectos relacionados coa implantación e co mantemento dun sistema de xestión da calidade nos servizos, acreditación de ensaios etc, contarase coa colaboración dun responsable de calidade adscrito á Unidade Técnica de Calidade (UTC).

Artigo 3:

A estrutura orgánica dos SAI é a que segue:

  • Director/a
  • Comisión Técnica de Servizos
  • Asesores/as científicos/as
  • Comisión de Usuarios

Artigo 4:

O/a director/a dos SAI, será nomeado/a polo reitor por un período de catro anos, renovable por unha soa vez, a proposta do/a vicerreitor/a de Investigación e Transferencia e no caso de ser PDI a tempo completo, terá unha retribución asimilada á de decano/a.

O seu cesamento poderá acordarse en calquera momento polo reitor tras a proposta do/a vicerreitor/a de Investigación e Transferencia.

Son competencias do/a director/a dos SAI:

  1. A representación oficial dos servizos que constitúen os SAI.
  2. A dirección científico-técnica xeral dos SAI e das súas unidades, de acordo coa política científica que definir a UDC.
  3. A dirección funcional do persoal adscrito aos SAI.
  4. A participación na Comisión Técnica e na Comisión de Usuarios, coordinar e velar polo cumprimento das competencias que lle asignaren a cada unha delas, convocalas e presidilas no caso de delegación do/a vicerreitor/a de Investigación e Transferencia.
  5. A elaboración e a execución dos planos de desenvolvemento dos SAI, especialmente no que se refire á captación de recursos externos, da proposta de acordos, de convenios ou de planos de interese para os SAI, coa pertinente autorización do/a vicerreitor/a de Investigación e Transferencia.
  6. A creación e a participación en comisións específicas que traballaren sobre asuntos científicos, técnicos e económicos relacionados cos SAI.
  7. Promover e velar pola implantación e o mantemento dos sistemas de calidade e doutros sistemas de control e de xestión dos que quixeren dotarse os SAI e pola acreditación dos servizos ofertados polos SAI.
  8. A elaboración do anteproxecto do orzamento e dos planos de desenvolvemento adscritos aos SAI, así como a execución baixo a supervisión do/a vicerreitor/a de Investigación e Transferencia destes orzamentos e dos seus planos.
  9. A decisión sobre as solicitudes que presentaren dificultades a respecto dos criterios de utilización dos diferentes servizos, naqueles casos que así o requiriren.
  10. Velar polo cumprimento deste regulamento e da normativa de réxime interno, e toda aquela normativa vixente que resultar de aplicación.
  11. Aquelas outras que lle poidan ser conferidas polo regulamento vixente.
  12. Calquera outra que lle atribuíren as disposicións legais vixentes.

Artigo 5:

A Comisión Técnica dos SAI é a responsable de adoptar as medidas necesarias para o funcionamento adecuado dos Servizos, de acordo coa política que establecer a Vicerreitoría de Investigación e Transferencia e a Comisión de Usuarios e asegurar a coordinación no funcionamento das distintas unidades dos SAI.

Estará presidida polo/a vicerreitor/a de Investigación e Transferencia e constituída polo/a director/a e os seguintes membros dos SAI: os responsables de cada unha das unidades, tres representantes do resto do persoal técnico das unidades e o secretario/a técnico/a.

Serán competencia da Comisión Técnica:

  1. A supervisión e a coordinación das actividades das distintas unidades dos SAI.
  2. A proposta de organización interna dos SAI, o establecemento de criterios xerais de funcionamento, e aprobalos e/ou propolos á Comisión de Usuarios.
  3. A supervisión da implantación e do cumprimento das normas de funcionamento dos SAI.
  4. O establecemento de canles de comunicación efectivas entre os membros dos SAI.
  5. A optimización das prestacións de servizo dos SAI, o establecemento e a posta en marcha de planos de mellora para os SAI, quer en aspectos relacionados coa prestación de servizos, quer en aspectos de xestión interna nos SAI.
  6. A xestión eficaz das infraestruturas e dos equipamentos comúns.
  7. A elaboración de propostas e de solicitudes de novo equipamento.
  8. A elaboración de propostas de tarifas.
  9. A elaboración de propostas de necesidade de persoal.
  10. Aqueles temas que lle encomendar a dirección.

A Comisión Técnica, para os efectos do mellor funcionamento ou da actuación, poderá constituír comisións con carácter de apoio, de asesoramento ou de coordinación, que non terán capacidade decisoria, e deberá remitir todas as propostas que se adoptaren á Comisión Técnica, que decidirá en última instancia.

A Comisión Técnica reunirase cunha frecuencia mínima dunha vez ao mes.

Artigo 6:

Para aquelas unidades ou áreas de traballo que polas súas características e polas súas prestacións así o requiriren, a Vicerreitoría de Investigación e Transferencia poderá designar, por proposta do/a director/a dos SAI, un/unha ou varios/as asesores/as científicos/as, de entre o persoal con plena capacidade investigadora da UDC que sexa experto nos fundamentos e nas aplicacións da instrumentación correspondente.

As funcións dos/as asesores/as científicos/as serán asistir ao director/a do SAI e ao/á vicerreitor/a de Investigación e Transferencia en aspectos científicos, técnicos e de xestión que se relacionaren cos SAI, na definición do ámbito científico de actuación destes, na creación de novas unidades no SAI ou na remodelación das xa existentes, e, en definitiva, contribuíren ao desenvolvemento científico e técnico dos SAI.

En función das necesidades dos SAI, das técnicas instrumentais que se involucraren e do seu ámbito de coñecemento, estes asesores/as científicos poderán quer constituír un único comité multidisciplinar quer seren asesores directos das distintas unidades.

Artigo 7:

A participación activa das persoas usuarias da UDC no seguimento das actividades dos SAI, un feito imprescindible para garantir o seu desenvolvemento adecuado, realizarase a través da Comisión de Usuarios.

A comisión estará constituída polo/a vicerreitor/a de Investigación e Transferencia, que a presidirá, polo/a director/a dos SAI, que actuará de vicepresidente/a, por, cando menos, un representante dos usuarios por cada unha das unidades e por tres representantes do persoal laboral adscrito aos servizos. Ademais do/a presidente/a e do/a vicepresidente/a, elixirase un secretario/a entre os restantes membros da Comisión.

Os representantes dos usuarios serán elixidos pola Comisión de Investigación, que informará o Consello de Goberno por un período máximo de catro anos. Ademais, garantirase a representatividade das distintas áreas de coñecemento usuarias dos servizos e dos distintos campus da UDC.

Son competencias da Comisión de Usuarios:

  1. Definir as condicións para ser usuario dos SAI e a perda desta condición.
  2. Informar e propor novas liñas de traballo.
  3. Informar sobre as necesidades dos/as investigadores/as e sobre as disfuncións que se detectaren no funcionamento das distintas unidades.
  4. Propor planos de mellora nas prestacións das unidades dos SAI.
  5. Estudar melloras aconsellables no funcionamento, no equipamento e na dotación dos SAI.
  6. Impulsar as melloras e a renovación dos instrumentos das unidades.
  7. Propor peticións de infraestruturas.
  8. Propor adecuacións ou modificacións da normativa de funcionamento dos SAI.
  9. Revisar as propostas de prezos das prestacións de servizo presentadas pola Comisión Técnica.
  10. Definir o réxime de explotación de determinados equipos/unidades.

A Comisión de Usuarios reunirase, cando menos, dúas veces por ano por convocatoria do/a director/a dos SAI ou por petición, como mínimo, da terceira parte dos seus integrantes.

Así mesmo, cando as circunstancias do servizo así o requiriren, poderán convocarse individualmente reunións cos usuarios de unidades ou, mesmo, de técnicas concretas por petición do/a director/a dos SAI, do representante dos usuarios da unidade ou do seu técnico superior responsable.

Artigo 8:

No seu avance cara a unha cultura de calidade e para dar un mellor servizo, adaptado ao máximo ás necesidades dos usuarios, os SAI habilitarán un sistema de recollida de información sobre o seu grao de satisfacción polos servizos recibidos.

Así mesmo, os SAI porán a disposición dos usuarios, a través da súa páxina web e da Secretaría Técnica, un sistema de recollida de queixas, de reclamacións, de parabéns e de suxestións.

Título III: do réxime económico

Artigo 9:A dotación económica dos SAI estará consignada como tal e nos orzamentos xerais da UDC.

O Consello Social da Universidade aprobará anualmente o cadro de tarifas que se aplicarán nas unidades con especificación das diferentes modalidades, segundo a natureza e a relación institucional dos usuarios.

Artigo 10:Os SAI poderán dispor de créditos, coa correspondente autorización da universidade, de fondos procedentes das prestacións extrauniversitarias reguladas por contratos ou por convenios debidamente formalizados con organismos públicos ou empresas privadas, non previstas no orzamento de gastos para o exercicio que corresponder.

Artigo 11:Co fin de asumir os seus obxectivos e de mellorar a súa infraestrutura humana e mais instrumental, os SAI poderán beneficiarse de accións de doazón, de mecenado e de patrocinio que se levaren a termo no marco de convenios, de acordos, etc. coa Universidade da Coruña, sempre que se xeraren uns dereitos económicos polos ingresos non previstos no orzamento.

Disposicións

Disposición final

Este regulamento entrará en vigor o día seguinte da súa aprobación polo Consello de Goberno da UDC.

Disposición derogatoria

Coa aprobación do presente regulamento queda derrogado o regulamento anterior aprobado en Xunta de Goberno de 21-12-1993.

Anexo I

As unidades analíticas existentes nos SAI no momento de aprobación deste regulamento son as seguintes:

  • Unidade de Análise Estrutural
  • Unidade de Bioloxía Molecular
  • Unidade de Espectrometría de Plasma-Masas
  • Unidade de Espectroscopia Molecular
  • Unidade de Microscopia
  • Unidade de Técnicas Cromatográficas
  • Unidade de Técnicas Instrumentais de Análise
  • Unidade de Xeocronoloxía

Resolución reitoral pola que se crea a UAA (PDF)

Resolución reitoral pola que se crea a UCLA (Unidade de Coordinación de Laboratorios) (PDF)

Resolución reitoral pola que se fusionan a UAA e a UTC (PDF)