A análise directa de mercurio en mostras sólidas, líquidas e gasosas baséase nos principios de descomposición térmica da mostra, seguida de amalgamación e detección por absorción atómica. Destaca porque se realiza sen a necesidade de ningún tipo de preparación de mostra e cun tempo de análise de aproximadamente 5 min.
A mostra pésase directamente nunha naveta de metal ou de cuarzo, que se coloca no alimentador automático do equipo. A continuación, comezan as distintas etapas do proceso da análise:
- Secado da mostra.
- Descomposición térmica nun forno enriquecido en osíxeno; así, o mercurio e o resto de produtos de combustión son liberados da mostra e pasan a través do catalizador, onde se eliminan os óxidos de nitróxeno e de xofre, así como halóxenos e outros compostos interferentes.
- Eliminación do resto dos subprodutos, mentres que o mercurio queda atrapado de xeito selectivo nunha amálgama de ouro
- Quecemento do forno da amálgama que libera rapidamente o mercurio, o cal é transportado polo gas portador (osíxeno ou aire ultra puro) á cela tripla situada ao longo do paso óptico do espectrofotómetro, onde é cuantificado mediante absorción atómica a 253,65 nm.
Características
• límites de detección instrumental ao redor de 0,002 ng de mercurio
• límites de cuantificación ao redor de a 0,1 µg/kg
• tempo de análise aproximado por mostra: 5 minutos
• rango de medida para unha mesma análise (con cambio automático entre as 3 celas) entre 0 e 1500 ng de mercurio
• reproducibilidade típica < 1,5 %, resultados independentes da matriz e a estabilidade ao longo do tempo
• automostrador con capacidade para 40 mostras
• posibilidade de tomar mostras gasosas usando un controlador de fluxo másico e trampas absorbentes (reutilizables)
Campos de aplicación
Medio ambiente, alimentación, industria farmacéutica, plásticos, gases, industria petroquímica, químico-biolóxicos, xeoloxía, arqueoloxía etc.