Cookies na web dos SAI. Utilizamos cookies para ofrecer a mellor experiencia na nosa web. Por favor, acepte o uso de cookies premendo o botón.

Aceptar uso de cookies
Header

Servizos de Apoio á Investigación

Servizos especializados no apoio á investigación científica, técnica e humanística

Normas e funcionamento

Actividade asistencial dos SAI

Usuarios

Para poder acceder ás prestacións de servizos, será condición previa e necesaria darse de alta como usuario dos SAI mediante a solicitude normalizada correspondente, que se deberá cursar na UCLA (Unidade de Coordinación de Laboratorios).

Esta solicitude estará dispoñible na páxina web dos SAI, nas súas distintas unidades dos SAI, na UCLA e na recepción dos SAI.

Nesta solicitude deberán constar os datos e a sinatura de conformidade do/a director /a ou da persoa responsable que vaia asumir o gasto derivado do servizo, a relación do persoal autorizado e as unidades con que quere traballar o usuario.

En caso de se producir algún cambio nestes datos, deberá ser comunicado oportunamente á UCLA dos SAI.

A utilización dos servizos implica que os usuarios asumen as normas de funcionamento recollidas neste regulamento, así como as normas específicas de utilización de equipos e servizos. Non respectar estas normas e o regulamento será causa da perda da condición de usuario.

Solicitude de servizo

Calquera usuario que requira a utilización dos servizos ofertados polos SAI deberá cubrir e cursar o correspondente impreso normalizado. No caso de necesitar asesoramento, o usuario porase en contacto cos SAI que lle aconsellarán e proporán as metodoloxías máis adecuadas para o problema que formula.

Os impresos de solicitude de servizo estarán dispoñibles na páxina web dos SAI, así como nas distintas unidades, no rexistro e na UCLA (Unidade de Coordinación de Laboratorios)

Unha vez que cubra o formulario correspondente o usuario farao chegar aos SAI, acompañado das mostras adecuadamente identificadas.

As mostras correspondentes ás solicitudes de traballo serán anotadas, por orde de chegada, nun rexistro de entrada cun número de identificación individual. As mostras analizaranse segundo esta orde de rexistro e os traballos planificaranse, de acordo cos horarios normais do servizo, de maneira que ningún encargo chegue a colapsar as posibilidades de utilización da unidade. É responsabilidade do persoal técnico a planificación dos traballos para a mellor optimización dos recursos.

Naqueles casos en que o usuario requira a colaboración do persoal da unidade para a preparación de metodoloxías, interpretación de resultados e calquera outro tipo de asesoramento e/ou servizo non especificado nas tarifas, haberá que establecer un acordo específico entre os SAI e o usuario antes da realización do traballo.

Prestación de servizo

a) Réxime xeral

O persoal técnico dos SAI é o responsable da utilización e do mantemento dos equipos e da realización dos correspondentes ensaios.

É tamén o responsable da fiabilidade dos resultados obtidos, así como de llos facer chegar á persoa solicitante.

Para trataren aspectos técnicos da prestación solicitada os usuarios poderán concertar unha entrevista co responsable científico da unidade.

Os traballos realizados quedarán recollidos nun libro de rexistro de uso que haberá para cada equipo.

Os resultados das análises sempre pertencerán ao usuario e o persoal dos SAI manterá un acordo de confidencialidade a respecto daqueles.

Suxíreselles aos usuarios a conveniencia de citaren nas súas publicacións científicas as contribucións técnicas realizadas polos SAI.

b) Réxime especial de autoservizo

En determinados casos, tras a petición da persoa responsable dun grupo de investigación da UDC e tras a proposta do técnico/a superior/a da unidade correspondente, a dirección dos SAI poderá autorizar persoal que estea formalmente vinculado a un equipo de investigación da UDC e que demostrase a suficiente formación técnica, a utilización directa de certos equipos (réxime especial de autoservizo).

Para isto na unidade correspondente, e tras o visto e prace do Comité Técnico e da Comisión de Usuarios, estableceranse os equipos susceptibles de utilización en autoservizo polos usuarios, así como os cursos de capacitación e os mecanismos de control que permitan a acreditación de investigadores para seren usuarios autorizados. A utilización de equipos en autoservizo estará condicionada polas tarifas aprobadas para este concepto.

Para a utilización destes equipos, os usuarios autorizados deberán tramitar a correspondente solicitude de uso e efectuar a reserva do equipamento a través dos formularios que se habiliten para este fin.

Os usuarios autorizados poderán utilizar os equipamentos en cuestión no horario que se estableza para tal actividade, deberán respectar as normas de funcionamento interno da unidade correspondente, as normas existentes para o uso do equipo concreto en réxime de autoservizo e recoller os traballos realizados cos equipos no libro de rexistro de uso.

A neglixencia ou o incumprimento destas normas levará á retirada da acreditación de usuario autorizado. Ademais, os gastos ocasionados pola reparación de avarías causadas por neglixencia do usuario en réxime especial de autoservizo serán sufragadas polo grupo de investigación a que pertenza o usuario, tras o informe da dirección dos SAI e o visto e prace da Comisión de Usuarios.

Os SAI non se responsabilizan dos resultados dos traballos realizados en réxime de autoservizo.

Facturación

Os usuarios dos SAI pagarán os gastos por servizos prestados conforme ás tarifas establecidas, que se aprobarán anualmente segundo o regulamento dos SAI.

Neste sentido distínguense tres tipos de tarifas:

  • A) Tarifa polos servizos prestados a usuarios pertencentes a equipos de investigación da UDC.
  • B) Tarifa polos servizos prestados a usuarios doutros organismos públicos.
  • C) Tarifa polos servizos prestados a empresas privadas e particulares.

A tarifa de prezos vixentes estará a disposición dos usuarios na páxina web dos SAI, así como nas distintas unidades.

Se o usuario o solicitar, os SAI emitirán un orzamento para o traballo que se demanda, que se calculará con base nas tarifas vixentes.

Dado que as tarifas para o persoal investigador da UDC inclúen xa unha importante bonificación por parte da propia universidade non é preciso aplicar descontos a estes usuarios tipo A.

No caso de usuarios tipo B e C interesados en encargaren unha actividade aos SAI que implique un volume grande e/ou extenso de traballo, poderase estudar e propor a sinatura de contratos ou convenios entre as partes que regulen, entre outros aspectos, uns termos e unhas condicións económicas que resultaren máis favorables para o solicitante que se se tratar de actividades puntuais.

As facturas por prestación de servizos a usuarios da UDC tramitaranse mediante cargo interno na partida orzamentaria que indique o usuario.

As facturas por prestación de servizos a usuarios externos ou a usuarios internos que non imputaren o gasto a unha partida orzamentaria da UDC, emitiranse co IVE correspondente e deberanse pagar por transferencia bancaria na conta bancaria da universidade que vaia indicada na factura, nos prazos indicados.

A falta de pagamento dos servizos e/ou a incorrecta utilización de categoría A, B ou C fará que se poida perder a condición de usuario.

A Reitoría da UDC, de quen dependen directamente os SAI, é o máximo órgano que interpretará en última instancia a presente normativa.

Participación de membros dos SAI en traballos de investigación

Distínguense dous tipos de situacións:

  1. Participación en traballos científico-técnicos liderados desde os propios servizos ou en que participen os servizos como tales. Suporía a posta a punto de novas metodoloxías, o desenvolvemento de convenios ou contratos dos propios servizos. Para a realización destas actividades, orientadas sobre todo a aumentar e fomentar a relación dos SAI co seu contorno, a dirección dos SAI debe informar á Vicerreitoría de Investigación e Transferencia e contar co seu visto e prace.
  2. Participación en proxectos presentados por grupos de investigación da UDC, doutras universidades ou doutros centros públicos.

Os membros dos SAI poderán participar nestes proxectos sempre que se cumpran e respecten as seguintes condicións e que se conte coa autorización expresa da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia:

  • A actividade no proxecto de investigación do persoal dos SAI levarase a cabo fóra da súa xornada laboral.
  • A participación deste persoal do SAI no proxecto de investigación poderá ser unicamente en réxime de tempo parcial.
  • A participación deste persoal do SAI no proxecto de investigación non alterará a relación e o modo de traballo do grupo investigador cos Servizos Xerais de Apoio á Investigación.
  • A actividade do persoal dos SAI como investigador do proxecto non poderá consistir na realización de análises ou traballos rutineiros que se ofrecen nos SAI como servizo e están tarifados.
  • O membro dos SAI que participe nun proxecto de investigación deberá presentar anualmente un informe á dirección dos SAI resumindo as actividades realizadas.

Procedemento para solicitar a correspondente autorización da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia:

  • O investigador principal do proxecto deberá remitir por escrito á dirección dos SAI a solicitude formal, no impreso correspondente, acompañada dun breve resumo do proxecto que se quere realizar, o­nde indicará e salientará as actividades, o plano de traballo e as contribucións que realizará neste o membro dos SAI .
  • Tras o estudo do informe razoado que emita a dirección dos SAI sobre a petición, a Vicerreitoría procederá a autorizala ou denegala.

Organización de actividades de formación para usuarios nos SAI

Os SAI poderán promover, organizar ou participar en cursos de especialización ou capacitación para usuarios que garden relación coas técnicas ou prestacións que se desenvolveren.

A organización destas actividades planificarase adecuadamente, contará co visto e prace da dirección e coa colaboración dos asesores científicos e da Comisión de Usuarios. A realización e/ou participación do SAI como tal ou dos seus membros en actividades deste tipo quedará recollida documentalmente nos formularios habilitados para este fin.

Visistas ás instalacións

Por petición dos usuarios ou, polo xeral, para dar a coñecer os servizos a potenciais clientes, os SAI poderán organizar visitas guiadas aos seus laboratorios. Para isto será necesario facer chegar a correspondente solicitude no impreso normalizado dispoñible na súa páxina web á dirección dos SAI que terá que autorizar tal actividade. Neste formulario especificarase en que aspectos interesa centrar a visita, as datas en que se desexa realizar, o número de persoas que participarán etc.

Así mesmo, organizaranse periodicamente actividades e xornadas de portas abertas co obxecto de promocionar e fomentar o coñecemento dos SAI e dos seus recursos no seu contorno socio-económico, así como para promover a cultura de difusión da ciencia cara á sociedade.

Outros aspectos de interese

Subministración de nitróxeno líquido:

Co obxecto de satisfacer as necesidades que formulan algúns usuarios, os SAI poderán proporcionar baixo demanda nitróxeno líquido do seu propio tanque de almacenamento, sempre que esta subministración for compatible coas necesidades do servizo.

Para que a prestación deste servizo adicional non interfira negativamente na actividade diaria dos SAI, estableceranse uns horarios de subministración en que os usuarios poderán acudir aos SAI a recolleren o nitróxeno líquido que precisaren, tras a súa reserva.

Estes horarios e as condicións de subministración estarán dispoñibles na páxina web dos SAI, así como no seu Rexistro e na UCLA.

Este servizo estará condicionado polas tarifas vixentes aprobadas para este concepto.

Indicadores de satisfacción dos usuarios, queixas, reclamacións, felicitacións e suxestións:

No seu avance cara a unha cultura de calidade e para dar un mellor servizo, adaptado ao máximo ás necesidades dos usuarios, os SAI habilitarán un sistema de recollida de información sobre o seu grao de satisfacción polos servizos recibidos. Para isto poderán empregar un sistema de avaliación continuada ou periódica a través de enquisas preparadas con este obxectivo, que se porán a disposición dos usuarios.

Así mesmo, os SAI porán a disposición dos usuarios a través da súa páxina web e da UCLA un sistema de recollida de queixas, reclamacións, felicitacións e suxestións.